medios dixitais na creación cinematográfica

Os medios dixitais son ferramentas que nos facilitan a produción dunha obra audiovisual e deben incorporarse progresivamente nas diferentes fases de creación. A elección dos mesmos debe posibilitar a realización técnica de todo o proceso de produción. A utilización de dispositivos móbiles está ao alcance do alumnado e é unha posibilidade totalmente válida para a gravación e a montaxe, porque o importante é o proceso creativo e a aprendizaxe que se produce durante o mesmo máis aló da calidade técnica. Esta tecnoloxía pode utilizarse tanto para traballos individuais como colectivos.

GRAVACIÓN IMAXE E SON
Un teléfono móbil é unha ferramenta básica e adecuada para a gravación tanto de vídeo como de sons. As limitacións nas posibilidades expresivas de enfoque, iluminación ou perspectiva e na calidade do son deben liquidarse con imaxinación e co impulso da creatividade do alumnado. Se o centro ou o alumnado dispoñen de cámaras fotográficas réflex con gravación de vídeo, estas son unha excelente solución porque posibilitan maior riqueza visual e a gravación do son con micrófonos externos de maior calidade. Por suposto podemos dispoñer de toda a gama de cámaras de vídeo.
A gravación dos sons é máis delicada se non dispoñemos de micrófonos de calidade, que, por outra banda, teñen un elevado custo. Isto afecta de maneira máis especial á gravación de diálogos, polo que debemos asegurarnos de que se escoitan con claridade ou ben reducir a súa presenza á mínima expresión, se é que os necesita. Como xa indicamos anteriormente, o espazo sonoro pode ser unha construción artificial con arquivos dixitais de libre uso. Se gravamos en exteriores, o vento que se pode coar polos micrófonos, convértese en ruído que inhabilita dita gravación, o que obriga a unha construción sonora na edición. Por iso, hai que controlar especialmente a gravación de diálogos en exteriores buscando unha localización que garanta a ausencia de vento.


SOFTWARE EDICIÓN
A ferramenta de edición de vídeo para o alumnado ten que ser gratuíta e para múltiples sistemas operativos. Ademais, debe ter funcións que nos permitan engadir efectos e transicións de vídeo, títulos de crédito e varias pistas de audio.

VN EDITOR – editor de imaxe e audio. Software de edición con versión gratuíta. É moi completo e intuitivo con versións para Windows, IOS e Android. Aplicación sinxela que permite realizar todas as opcións básicas dunha edición completa tanto de imaxe como de son.

DAVINCI RESOLVE – editor de imaxe de edición con versión gratuíta. É moi completo e de carácter profesional con versións para Windows, IOS e Android. Programa de edición máis complexo e profesional recomendable para profesorado ou alumnado con experiencia previa en montaxe de vídeo ou para un acabado de maior calidade.