
PREMIO NACIONAL BOAS PRÁCTICAS EDUCATIVAS

ALFABETIZACIÓN CINEMATOGRÁFICA
O venres 24 de maio recibimos o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo noso proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas. Un recoñecemento a un proxecto consolidado e referente no ámbito da alfabetización cinematográfica e ao gran traballo realizado por profesorado e alumnado do IES de Cacheiras e do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.
No acto tivemos a oportunidade de dirixirnos ás autoridades e público asistente para destacar a importancia dunha educación inclusiva, igualitaria e innovadora que sitúe ao alumnado no centro do proceso de ensino-aprendizaxe. O acto finalizou coa proxección da nosa curtametraxe O meu mellor inimigo de Ana Veiga e Marcela Taracido e con música de Inés Mirás. Esta foi interpretada en directo durante a proxección por Sandra Galera con notable éxito.
Sofía Otero, alumna do IES de Cacheiras, recolleu o sábado 11 de maio pola mañá en Madrid o 3º Premio Nacional do Festival Clipmetrajes na categoría de Secundaria despois de gañar anteriormente o 1º Premio Autonómico cunha obra que reflexiona sobre a relación de parella nunha situación de violencia de xénero. Pola tarde Isabella Foylan, tamén alumna do centro educativo, recollía na Almunia (Zaragoza) o 1º Premio Nacional do Certame FESCILA cunha obra que reflexiona con gran profundidade sobre a ausencia. Para completar esta fin de semana exitosa o documental Espazos Abertos gañaba o venres o Premio ao Mellor Documental nos Premios OLLOBOI celebrados en Boiro, unha obra que reflexiona sobre a integración social das persoas que sofren enfermidades mentais e creado polo tamén alumnado do IES Xana Rodríguez, Rubén Pérez, Irene Rodríguez e Antía Rosende. Estas obras e outras moitas realizadas polo alumnado foron producidas dentro do noso proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica ATURUXO FILMS que se desenvolve desde hai 12 anos co obxectivo de fomentar unha mirada atenta e reflexiva que facilite o pensamento crítico e os valores sociais e democráticos entre os adolescentes. Un proxecto de referencia a nivel nacional neste ámbito e que entre outros recoñecementos recibiu en 2014 o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación e que en breves datas vai recibir o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Xunta de Galicia. As obras creadas ao longo destes anos recibiron máis de 40 Premios a nivel nacional e internacional e así neste curso lograron recoñecementos no Festival de cinema de Zaragoza, 1º Premio Amateur na Mostra Curtas na Vila de Noia, 1º Premio Europeo en Camera Zizanio de Grecia, dous premios do Festival O día máis curto, Festival Cinema e Saúde de Zaragoza, Premio ao Mellor Documental CINE BASE da Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Barcelona, o Premio á mellor curtametraxe no Festival Cachinus de Cinema de Estremadura e da Mostra Cineminuto de Arxentina. Logrados con 7 obras diferentes e cunha característica moi especial que é a composición por parte do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela das súas bandas sonoras nun proxecto conxunto de creación de cinema e música denominado Imaxinando Músicas e que está a permitir desenvolver e descubrir o talento do alumnado de ambos os centros públicos de ensino.
Cúmprense dez anos do inicio do proxecto de alfabetización cinematográfica Aturuxo Films e neste longo percorrido evolucionou co obxectivo de alcanzar unha aprendizaxe profunda e eficaz que deixe pegada no alumnado fortalecendo a súa capacidade crítica e reflexiva cara aos medios audiovisuais.
Nestes últimos anos o proxecto adquiriu unha maior relevancia ata converterse nunha referencia para a integración curricular desta alfabetización que tamén é mediática e dixital. Así, durante este curso colaboramos na formación do profesorado impartindo cursos e talleres, elaboramos artigos para revistas como Making Of ou Convives, participamos na exposición sobre proxectos pedagóxicos de alfabetización mediática na Universidade de Segovia e Congresos da USC ou da Fundación Barrié da Maza. Tamén participamos no proxecto europeo CinEd a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia para fomentar a cultura e o cinema destes países asistindo á proxección na Sala Numax dos filmes El espíritu de la Colmena de Víctor Erice, El Verdugo de Luís García Berlanga e Pierrot le fou de Jean Luc Godard e realizando numerosas actividades como programas de proxeccións de curtametraxes para todo o alumnado do centro.
Ademais as obras creadas polo alumnado recibiron nos últimos meses cinco novos premios en diversos festivais nacionais e en Arxentina e foron proxectados en Italia, Plasencia, Arxentina, Barcelona, Madrid, Córdoba, Zaragoza, Valencia, Donostia, Palma de Mallorca, Santiago de Compostela, A Coruña… E tiveron repercusión nos medios con artigos en prensa e a nosa presenza en TV en programas como A Revista da TVG ou A aventura do Saber de RTVE. Tamén acudimos co alumnado aos festivais International Youth Film Festival de Plasencia e ao Festival FOCO de Fuente Ovejuna en Córdoba onde participaron das actividades e a convivencia con outros mozos de todo o mundo. Aprendizaxe a través da experiencia.
A través do noso perfil en Facebook e Twitter @aturuxofilms pódese facer un seguimento das nosas actividades e da alfabetización mediática.
Para este outono temos previsto organizar xunto ao Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela un acto para conmemorar estes dez anos con proxeccións dunha selección de curtametraxes e a interpretación en directo da música das mesmas dentro do noso proxecto conxunto Imaxinando Músicas. Esperamos reunir ao alumnado destes anos, profesorado, comunidade educativa, persoas relacionadas coa educación e a creación cinematográfica e responsables educativos.
Unha festa cultural donde o talento do alumnado sexa o protagonista.
Xa iniciado o curso facemos balance deste ano 2017, dos proxectos e actividades desenvolvidas e os que imos realizar neste proxecto de alfabetización cinematográfica que tamén é mediática e dixital.
Co obxectivo de conseguir unha aprendizaxe significativa e profunda no noso alumnado seguimos participando un curso máis no proxecto europeo CinEd ampliando as proxeccións do seu catálogo de películas a todo o alumnado do centro en coordinación co equipo da Biblioteca. O alumnado de Cultura Audiovisual, que este curso chegan aos 32 participantes, van presentar as películas e van moderar un coloquio posterior cos seus compañeiros dos diferentes cursos.
Doutra banda temos que felicitar ao alumnado que logrou numerosos recoñecementos ás obras creadas durante este ano 2017, tanto pola súa selección como finalistas en decenas de festivais nacionais e internacionais como polos sete premios obtidos con cinco curtametraxes diferentes en Donostia, Arxentina, Canarias, Madrid, Boiro, Baio e Valencia. O último premio no Festival Internacional Las Otras Miradas Begiradak Zinemaldia de Donostia recibido pola curta O meu mellor inimigo ao Mellor Curtametraxe de Secundaria e Bacharelato.
Tamén os recoñocementos que segue recibindo o proxecto Aturuxo films e que se traducen na súa condición de finalista entre os vinte mellores proxectos presentados a nivel nacional nos premios de innovación pedagóxica Acción Maxistral da Fundación de Axuda á Drogadicción FAD e a Fundación BBVA e a súa participación e difusión a través de Congresos e Foros de Educación e Cinema.
E por último seguimos co noso labor de formación ao profesorado a través da Consellería de Educación onde difundimos a importancia da alfabetización audiovisual e mediática nos deseños curriculares e animamos ao profesorado a desenvolver nos seus centros educativos estes plans replicando o noso proxecto a través dunha formación en contidos e metodoloxías.
Cumprimos 10 anos e antes de que finalice o curso celebrarémolo entre todos como se merece, con máis cultura, cinema e música creada polo noso alumnado.
Termina este curso con numerosas novidades, recoñecementos e un gran traballo, de novo, do alumnado que participa neste proxecto de alfabetización cinematográfica e mediática tanto nas optativas de bacharelato como na materia de Educación Plástica, visual e audiovisual.
Para empezar temos que felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º premio Península do festival canario CINEDFEST na categoría de secundaria pola curtametraxe Máis Aló, a Martín e Yaiza polo Premio Olloboi ao mellor montaxe pola curta Esta son eu e aos creadores das curtas Vals nº1 e Antivals pola mención nos premios Olloboi como finalistas nas categorías de Arte, Fotografía e BSO, todos estes premios acadados no último mes.
E temos que felicitarnos todos porque o Proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas foi recomendado pola UNESCO para a alfabetización mediática e informacional a través do seu programa UNAOC o que dá idea da importancia que está a alcanzar este proxecto educativo.
https://milunesco.unaoc.org/mil-resources/imaxinando-musicas-aturuxo-films/
Recollemos ás últimas actividades e novidades do traballo do alumnado en Aturuxo films no mes de maio.
Comezamos pola presentación que tivo lugar o 3 de maio no Conservatorio Profesional de Música de Santiago das creacións do alumnado de ambos centros no proxecto conxunto de creación de cinema e música Imaxinando Músicas. O numeroso público asistente puido gozar das obras e asistir a interpretación en directo da música composta para unha das curtametraxes. Tamén do coloquio posterior co alumnado donde compartir as experiencias e opinións.
O venres 5 o alumnado de Cultura Audiovisual organizou a proxección da longametraxe En Construcción de José Luis Guerín xunto ao Concello de Teo para os veciños e veciñas do mesmo. Presentaron a película e coordinaron o coloquio posterior que foi moi enriquecedor para abordar as diferentes temáticas do filme. Esta actividade inscríbese dentro do proxecto europeo CinEd no que participamos.
E por último felicitar a Rosana, Sara e Ainhoa polo 1º Premio na sección península do festival Cinedfest de Canarias coa súa obra Máis Aló.
O próximo mércores 3 de maio ás 20:00 h. no auditorio do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela presentamos dentro do Proxecto IMAXINANDO MÚSICAS as novas curtametraxes con música en directo. Como sabedes este proxecto pretende facilitar un espazo de creación de cine e música ao alumnado de Aturuxo Films e do Conservatorio.
Esperamos a vosa asistencia para apoiar o excelente traballo do alumnado que compartirá co público a súa experiencia.
MÁIS ALÓ está creada por alumnas de 4º ESO e aborda a problemática da vida virtual.
Continuamos con estreas de curtametraxes creadas no curso 2014/15 sobre o uso das novas tecnoloxías e as relacións sociais.
Skate está creado por alumnado de 4º ESO nun excelente traballo cunha idea clara e moi ben expresada.
Para celebrar o décimo aniversario do proxecto ATURUXO FILMS estamos a traballar nun retrato colectivo no que participa alumnado actual e pasado desta experiencia educativa, profesorado, universitarios do Master de Profesorado de Artes Plásticas da Facultade de Ciencias da Educación da USC e adolescentes e mozas do proxecto 12Nubes que é unha experiencia pedagóxica que desenvolve o Programa Municipal de Educación de Rúa do Concello de Vitoria-Gasteiz e que vincula a acción educativa formal coa do espazo non formal promovendo a reflexión en rede, a participación da cidadanía e a integración social. Cada un deles realizou unha pequena peza audiovisual onde expresa emocións propias da súa idade e o seu percorrido vital. Unha selección formará este retrato colectivo.
Por outra banda continúan os éxitos das nosas curtametraxes En Liña e Máis Aló proxectados como finalistas no Festival Internacional MICE de Valencia, o Festival FOCO de Fuente Obejuna (Córdoba) e o International Youth Film Festival de Plasencia. Tamén fomos convidados a presentar o proxecto Aturuxo Films e unha selección das nosas curtametraxes no Festival MUVIES de Madrid onde acudiron o profesor e tres alumnos e alumnas do centro.
Este curso participamos no proxecto europeo CINED que ten como obxectivo que un gran número de nenos e mozos poidan acceder ao cinema europeo e descubrir a súa diversidade cinematográfica, cultural e lingüística. O día 12 de xaneiro asistimos a primeira das tres proxeccións no Teatro Principal de Pontevedra co filme Pierrot le fou de Jean Luc Godard.
Tras a proxección o alumnado do IES de Cacheiras interveu nun interesante debate sobre as intencións, temáticas e solucións expresivas e técnicas do director baixo a moderación do equipo de Novos Cinemas.
Doutra banda seguimos participando en foros sobre alfabetización cinematográfica nas aulas e, nesta ocasión, convidados pola organización do Foro do Festival Las otras miradas / Begiradak Festival de Donostia xunto a, entre outros profesionais do cinema e a educación, Lolo Rico, Michel Gaztambide e Blanca Zaragüeta. Un debate moi enriquecedor onde se sacaron importantes conclusións para seguir desenvolvendo a partir de agora.
E temos que facer mención a un novo recoñecemento ao proxecto Aturuxo Films como finalista da VII edición dos Premios MEP de Boas Prácticas Educativas 2016 onde se presentaron 240 proxectos de todo o estado.
Durante estas semanas iniciais de curso realizamos moitas actividades para difundir as creacións do alumnado e o proxecto educativo de alfabetización cinematográfica.
O 4 de outubro o Festival Internacional de Cinema CURTOCIRCUÍTO deunos a oportunidade de ser os protagonistas da súa sección Canteiras cun acto de presentación do proxecto e a proxección das curtametraxes creadas polo noso alumnado así como a interpretación en vivo das músicas creadas polo o alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela cos que participamos no proxecto conxunto IMAXINANDO MÚSICAS cun diálogo entre cinema e música. O acto celebrouse no Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC cun gran éxito de público que tivo a oportunidade de dialogar co alumnado de ambos os centros que crearon as obras.
Tamén este proxecto presentouse cun relatorio no II Foro Cinema e Educación do Festival de Cinema Vía da Prata de Villafranca de los Barros o 8 de outubro onde ademais Rafa Rey obtivo o premio ao mellor actor polos videoclips Cruzei Mares e Um livro estranho creados por Sergio Clavero para o álbum Desconhecido de BERLAI.
Tamén presentouse o proxecto no Encontro de Boas Prácticas organizado pola Fundación Germán Sánchez Ruipérez o 12 de novembro en Peñaranda de Bracamonte (Salamanca).
Temos tamén unha boa noticia para a curtametraxe PERSOAS que gañou o PREMIO CORTITOS do Festival Internacional de Curtametraxes de Bellavista, Buenos Aires en Arxentina. PARABÉNS.
Este curso 2016-17 iníciase repleto de novidades como a incorporación dunha nova optativa de libre configuración do centro Cultura Cinematográfica en 2º de bacharelato que reflexionará sobre a esencia do cinema ao longo da historia entre o documental e a ficción a través da experimentación e o debate. Na materia optativa de Cultura Audiovisual de 1º bacharelato matriculáronse 28 alumnos e alumnas e seguimos coa alfabetización cinematográfica na ESO a través da materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.
Tras os numerosos premios logrados polas curtametraxes creadas polo noso alumnado en diferentes festivais o curso pasado chegan novos recoñecementos para o proxecto educativo ATURUXO FILMS protagonizando a sección CANTEIRAS do Festival Internacional de Curtametraxes CURTOCIRCUÍTO que se vai a desenvolver o martes 4 de outubro ás 16:30 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea CGAC e a o que estades todos convidados. Proxectaranse curtametraxes dos ultimos anos e as obras producidas no proxecto IMAXINANDO MÚSICAS en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que como sabedes pretende crear un espazo de creación ao alumnado de ambos os centros cun diálogo entre cinema e música. O alumnado presentará as suas curtametraxes e interpretaranse en vivo algunhas das músicas xunto á proxección.
Doutra banda imos participar como relatores no II Foro Cinema e Educación do Festival Internacional de Cinema Vía da Prata de Estremadura para trasladar aos participantes o proxecto de alfabetización cinematográfica que se desenvolve no centro.
E, ademais, este curso van cumprir 10 anos do inicio deste proxecto educativo que foi crecendo ata converterse nun referente na alfabetización cinematográfica nas aulas. Esperamos poder celebralo máis adiante con todos os que participastes do mesmo e, en especial, con todo o alumnado que espero aprendese e gozase da experiencia.
A curtametraxe EN LIÑA creado polo alumnado do IES de CACHEIRAS gañou o 1er premio do Encontro Audiovisual de Xóvenes do Festival CINEMA JOVE de Valencia celebrado entre o 18 e o 20 de xuño. Esta curtametraxe xa recibira nos últimos 15 días o Premio Fotoxénico do Festival OLLOBOI de Boiro e o segundo premio en CINEDFEST de Tenerife.
A curtametraxe creouse dentro do proxecto educativo ATURUXO FILMS (Premio de Alfabetización Audiovisual 2014 do Ministerio de Educación) creado e coordinado polo profesor de debuxo Sergio Clavero. Tamén enmárcase no proxecto de colaboración co CMUS de Santiago IMAXINANDO MÚSICAS onde se desenvolve un espazo de creación visual e musical para o alumnado de ambos os centros coa coordinación no CMUS do profesor de guitarra Xosé Antonio Rodríguez. Os autores son Miguel Calvo, Álvaro Silvade e Marta Calvo con música de Sandra Galera e a interpretación protagonista de Oliver Angermann entre outros colaboradores. Tanto o profesor como Miguel e Oliver puideron gozar das numerosas actividades do festival e expoñer este proxecto educativo que se desenvolve no centro.
ATURUXO FILMS ten como obxectivo principal a alfabetización cinematográfica do alumnado a través dun aprendizaxe baseado en proxectos e desenvólvese no centro dende o ano 2007 con máis de 400 participantes a través de optativas e a materia Educación Plástica e Visual fundamentalmente. Este proxecto e o seu alumnado obtivo numerosos recoñecementos e premios en festivais nacionais e internacionais e estase convertendo nun proxecto de referencia na alfabetización cinematográfica a nivel nacional.