PREMIO INNOVAGAL

Recibimos un novo recoñecemento, neste caso á miña labor docente, pola traxectoria de compromiso coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos que buscan dar resposta ás necesidades do alumnado e que outorga a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. A creación e o desenvolvemento do proxecto pedagóxico Aturuxo Films ten moito que ver neste premio como destaca o xurado: “unha proposta na que emprega a arte coma un motor de desenvolvemento do pensamento crítico. Destaca a súa pedagoxía conectando as artes plásticas (concretamente, o cinema) coa realidade contemporánea. A través do seus proxectos, o alumnado reflexiona e coñece unha linguaxe visual que condiciona a súa vida dende a infancia.

Continuamos coa nosa labor de divulgación e formación para que as linguaxes visual e cinematográfica estean presentes nos procesos de ensinanza-aprendizaxe en todas as etapas educativas e sexan utilizadas como un medio para acceder e construir coñecemento e un medio de expresión, comunicación e aprendizaxe tal e como recolle a LOMLOE: A comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital, o emprendemento, o fomento do espírito crítico e científico, a educación emocional e en valores, a educación para a paz e a no violencia e a creatividade traballaranse en todas as materias. Todos estes elementos interveñen nos procesos de creación cinematográfica así como un completo desenvolvemento competencial que caracterizan a este proxecto formativo integral, transversal e multidisciplinar.

Desexamos que este novo recoñecemento sirva para difundir e promover a nosa proposta didáctica e a necesidade pedagóxica da alfabetización cinematográfica e mediática nas aulas.