A pedagoxía das artes pode contribuír decisivamente á transformación das metodoloxías educativas utilizando os procesos de creación da arte contemporáneo como procesos para a adquisición do coñecemento en calquera área. Como explica María Acaso (2017) é necesario conectar a educación artística coa realidade e conectar a educación xeral coa realidade a través da educación artística.
E neste sentido a experiencia cinematográfica permítenos reeducar a mirada a través de procesos de alfabetización na súa linguaxe e aproveitar as súas metodoloxías e procesos de creación para abordar desde a reflexión crítica e a sensibilidade calquera temática partindo da realidade.
Bergala (2017) afirma que na experiencia dun acto de creación, no xesto de facer, hai unha virtude de coñecemento que só pode pasar por ese xesto. As posibilidades pedagóxicas dos procesos de alfabetización e produción cinematográfica impulsan o pensamento e a reflexión para desenvolver o noso propio coñecemento. E os mecanismos metodolóxicos da aprendizaxe por proxectos posibilitan a cooperación e colaboración en grupos de traballo onde o alumnado aprende a escoitar, expoñer e dialogar con respecto, cooperación e flexibilidade e tamén a resolver problemas, planificar e organizar o tempo de forma eficaz.
O cinema tamén nos permite divulgar contidos sociais contribuíndo á compresión e o enriquecemento con diferentes realidades e dar voz a distintos colectivos recoñecendo os seus dereitos. Por tanto, a experiencia creativa do cinema desenvolve metodoloxías de aprendizaxe facilitadoras de procesos para a adquisición de coñecemento e a acción social. A arte, o cinema e os seus procesos de creación en particular permítennos desenvolver proxectos pedagóxicos integrais onde a reflexión, o pensamento crítico, a creatividade e as metodoloxías cooperativas posibilitan a intervención na contorna máis próxima co obxectivo de impulsar o compromiso social do alumnado. Este achegamento a outras realidades produce no alumnado experiencias e cambios persoais a través do compromiso, a participación e a construción dun proxecto compartido para o cambio e a mellora social. A estratexia pedagóxica debe establecer estes procesos de aprendizaxe, tal e como propón María Acaso (2017), como un marco de acción social onde se alenta a idea de cambiar e transformar o mundo.
As temáticas, realidades e emocións que se reflicten nestas pezas cinematográficas convértense ademais en artefactos causantes de novos procesos de reflexión e aprendizaxe con outros estudantes que poden servir para o desenvolvemento de diferentes proxectos pedagóxicos.
