Cinema para o coñecemento

Un dos obxectivos fundamentais da arte é achegarnos ao coñecemento xerando un espazo de reflexión e o cinema, como representación artística, non é alleo a esta función. A experiencia cinematográfica non ten como finalidade realizar un rexistro ou unha representación da realidade senón que aspira a revelar certa verdade máis aló da dicotomía ficción ou documental. Jean Luc Godard (1962) explícao moi ben ao afirmar que parte do documental para darlle a verdade da ficción. Este tipo de escritura cinematográfica documental permítenos aproximarnos á realidade como un explorador que percorre camiños á deriva onde o importante é o que nos imos atopando, como nunha aventura. O cineasta Andrei Tarkovski (2011) explica a esencia do cinema como un fragmento de tempo que abarca un conxunto de feitos da vida onde se refuga todo o inservible para conservar só os elementos imprescindibles da imaxe cinematográfica coa intención de restituír a vida. Trátase, por tanto, dunha metodoloxía de traballo que ten como obxectivo revelar unha verdade que partindo da realidade constrúese ou reconstrúe a través do pensamento e a mirada do cineasta. Isto non implica distorsionar a realidade senón elevar as súas significantes porque o impulso dunha experiencia cinematográfica debe ser o desexo de coñecemento.

A mirada de creación cinematográfica permite desenvolver unha dobre vía educativa nos estudantes. Por unha banda, facer documentais é achegarnos poéticamente á realidade, á memoria das persoas que nos revelan a súa verdade nun diálogo co cineasta xa que “a calidade poética dunha película nace da observación inmediata da vida” (Tarkovski, 2011). A cámara convértese en intermediaria permitindo que as persoas sexan recoñecidas socialmente xa que as sitúa no centro do discurso. Estas experiencias cinematográficas aproxímannos á esencia humana a través da exploración e a reflexión profunda emocional e intelectual. E por outro, os procesos de creación cinematográfica permiten desenvolver metodoloxías activas de aprendizaxe na aula para desenvolver as competencias e o coñecemento en calquera área poñendo en marcha mecanismos de colaboración, traballo en equipo, autonomía, responsabilidade e cooperación.

Se queremos realizar un achegamento honesto á realidade non podemos facelo con ideas preconcibidas e será o propio desenvolvemento da experiencia e da rodaxe o que irá establecendo as necesidades progresivamente posicionando a cámara como a mirada que rexistra o que acontece non só desde un punto de vista formal senón tamén desde un punto de vista emocional.

A experiencia e a reflexión para partir do contido rexistrado pola cámara deben construír unha mensaxe dotada de significado e profundidade, que se aproxime á verdade e a esencia da existencia humana. Porque (Fontcuberta, 2016) “o mérito da creación é a capacidade de dotar á imaxe de intención e de sentido, en facer que a imaxe sexa significativa.”

Fotograma Espazos abertos