A filosofía deste proxecto entende todo o proceso de alfabetización como un acto de expresión creativa que permite o desenvolvemento do coñecemento e a sensibilización en diferentes realidades sociais e onde o alumnado é o seu impulsor a través dun traballo cooperativo por proxectos. A metodoloxía utilizada para a alfabetización cinematográfica parte dunha aprendizaxe baseada en proxectos ABP onde o alumnado traballa de maneira autónoma constituíndo grupos de traballo para o desenvolvemento do seu propio coñecemento. Todo o proceso de creación dunha obra audiovisual realízase a través dun traballo colaborativo do alumnado onde as ferramentas TIC dan soporte e facilitan a produción. Os integrantes de cada grupo de traballo investigan, intercambian información e debaten para alcanzar acordos durante todo o proceso creativo, desde a idea inicial e o desenvolvemento do guión ata a rodaxe e a edición. Esta metodoloxía activa axúdalles a resolver problemas, a mellorar a súa capacidade de traballo en equipo e a desenvolver capacidades mentais.
As ferramentas TIC axúdanlles a construír mellores relacións de traballo e facilitan o proceso creativo e a consecución do produto final: a obra audiovisual. Deben estar deseñadas para mellorar as habilidades de investigación e a capacidade de análise, para crear unha comunidade de traballo colaborativo a través de plataformas virtuais coas que intercambian información e avanzan o proxecto fora do horario lectivo e para facilitar o desenvolvemento da produción da obra e así alcanzar o éxito a través da experimentación e o ensaio erro. O docente durante todo este proceso facilita información, recursos e asesoría xerando momentos de aprendizaxe a través de diferentes reunións de traballo.