Contexto

A implantación masiva da internet, das redes sociais e dos dispositivos móbiles poñen ao noso alcance unha extraordinaria cantidade de información visual a través de fotografías e vídeos que circulan libremente pola rede. Esta inxente cantidade de imaxes condiciona a nosa percepción da realidade e pon en perigo á cidadanía porque, en moitos casos, consumimos as imaxes como espectadores pasivos sen capacidade reflexiva nin crítica e sen preparación. É evidente, por tanto, que descoñecer a linguaxe que constrúe esas mensaxes déixanos nun alarmante estado de indefensión pola súa eficacia comunicativa e a súa capacidade para condicionar a nosa personalidade e comportamento, especialmente en idades temperás. 

Ante esta realidade a Comisión Europea publicou recomendacións en 2009/625/CE sobre a alfabetización mediática na contorna dixital e nun informe posterior de 2011 incidiu na necesidade de elaborar un modelo de educación cinematográfica para Europa, que incluíse a apreciación do cinema como unha forma de arte, a comprensión crítica, o acceso ao patrimonio nacional, o cinema mundial e o cinema popular, e as habilidades creativas para facer películas. Tamén recomendou esta definición revisada de Alfabetización Cinematográfica (Filme Literacy): “O nivel de comprensión dunha película, a capacidade de ser consciente e curioso na elección de películas; a competencia para mirar críticamente unha película e analizar o seu contido, cinematografía e aspectos técnicos; e a capacidade de manipular a súa linguaxe e recursos técnicos na produción creativa de imaxes en movemento”. 

Por tanto parece necesaria e urxente unha adecuada formación da cidadanía para unha lectura e reflexión crítica das imaxes non só como consumidores senón tamén como produtores conscientes e responsables e que debe comezar na educación formal cun deseño curricular progresivo nas diferentes etapas educativas. Este deseño non só afecta á súa introdución curricular (materias, carga lectiva…) senón aos obxectivos que se queren alcanzar, as metodoloxías para logralos e a formación específica do profesorado que debe impartir os seus contidos. Sen esquecer os medios asociados ás TIC, imprescindibles para o seu desenvolvemento.