IMAXINANDO REALIDADES

A mirada de creación cinematográfica permite desenvolver unha dobre vía educativa nos estudantes. Por unha banda, facer documentais é achegarnos poéticamente á realidade, á memoria das persoas que nos revelan a súa verdade nun diálogo co cineasta xa que “a calidade poética dunha película nace da observación inmediata da vida” (Tarkovski, 2011). A cámara convértese en intermediaria permitindo que as persoas sexan recoñecidas socialmente xa que as sitúa no centro do discurso. Estas experiencias cinematográficas aproxímannos á esencia humana a través da exploración e a reflexión profunda emocional e intelectual. E por outro, os procesos de creación cinematográfica permiten desenvolver metodoloxías activas de aprendizaxe na aula para desenvolver as competencias e o coñecemento en calquera área poñendo en marcha mecanismos de colaboración, traballo en equipo, autonomía, responsabilidade e cooperación. Se queremos realizar un achegamento honesto á realidade non podemos facelo con ideas preconcibidas e será o propio desenvolvemento da experiencia e da rodaxe o que irá establecendo as necesidades progresivamente posicionando a cámara como a mirada que rexistra o que acontece non só desde un punto de vista formal senón tamén desde un punto de vista emocional. A experiencia e a reflexión para partir do contido rexistrado pola cámara deben construír unha mensaxe dotada de significado e profundidade, que se aproxime á verdade e a esencia da existencia humana. Porque (Fontcuberta, 2016) “o mérito da creación é a capacidade de dotar á imaxe de intención e de sentido, en facer que a imaxe sexa significativa.”

Esta posibilidade da creación cinematográfica que exploramos en Aturuxo Films permite ao alumnado achegarse á realidade social cercana e crear pezas como Respirar que presenta o testemuño dunha vítima de violencia de xénero e que estreamos en redes tras proxectarse en numerosos festivais de cinema nacionais e internacionais con numerosos recoñecementos como o 2º PREMIO FESTIVAL CINEMA JOVE de Valencia, 1º PREMIO INTERNATIONAL YOUTH FILM FESTIVAL de Plasencia, 1º PREMIO FESTIVAL MICE de Valencia, 1º PREMIO FESTIVAL CACHINUS DE CINE de Cilleros, 2º PREMIO CINEDFEST de Tenerife, 1º PREMIO EMOVE FESTIVAL de Madrid e finalista nos Festivais de Cans, Camera Zizanio de Grecia, Primeir Olhar de Portugal, FECEA de Brasil, DUFF de Croacia ou Youki de Austria.