Para celebrar o décimo aniversario do proxecto ATURUXO FILMS estamos a traballar nun retrato colectivo no que participa alumnado actual e pasado desta experiencia educativa, profesorado, universitarios do Master de Profesorado de Artes Plásticas da Facultade de Ciencias da Educación da USC e adolescentes e mozas do proxecto 12Nubes que é unha experiencia pedagóxica que desenvolve o Programa Municipal de Educación de Rúa do Concello de Vitoria-Gasteiz e que vincula a acción educativa formal coa do espazo non formal promovendo a reflexión en rede, a participación da cidadanía e a integración social. Cada un deles realizou unha pequena peza audiovisual onde expresa emocións propias da súa idade e o seu percorrido vital. Unha selección formará este retrato colectivo.
Por outra banda continúan os éxitos das nosas curtametraxes En Liña e Máis Aló proxectados como finalistas no Festival Internacional MICE de Valencia, o Festival FOCO de Fuente Obejuna (Córdoba) e o International Youth Film Festival de Plasencia. Tamén fomos convidados a presentar o proxecto Aturuxo Films e unha selección das nosas curtametraxes no Festival MUVIES de Madrid onde acudiron o profesor e tres alumnos e alumnas do centro.