EN CRECEMENTO

Xa iniciado o curso facemos balance deste ano 2017, dos proxectos e actividades desenvolvidas e os que imos realizar neste proxecto de alfabetización cinematográfica que tamén é mediática e dixital.

Co obxectivo de conseguir unha aprendizaxe significativa e profunda no noso alumnado seguimos participando un curso máis no proxecto europeo CinEd ampliando as proxeccións do seu catálogo de películas a todo o alumnado do centro en coordinación co equipo da Biblioteca. O alumnado de Cultura Audiovisual, que este curso chegan aos 32 participantes, van presentar as películas e van moderar un coloquio posterior cos seus compañeiros dos diferentes cursos.

Doutra banda temos que felicitar ao alumnado que logrou numerosos recoñecementos ás obras creadas durante este ano 2017, tanto pola súa selección como finalistas en decenas de festivais nacionais e internacionais como polos sete premios obtidos con cinco curtametraxes diferentes en Donostia, Arxentina, Canarias, Madrid, Boiro, Baio e Valencia. O último premio no Festival Internacional Las Otras Miradas Begiradak Zinemaldia de Donostia recibido pola curta O meu mellor inimigo ao Mellor Curtametraxe de Secundaria e Bacharelato.

DPhLteIWsAErUeJ.jpg-large

Tamén os recoñocementos que segue recibindo o proxecto Aturuxo films e que se traducen na súa condición de finalista entre os vinte mellores proxectos presentados a nivel nacional nos premios de innovación pedagóxica Acción Maxistral da Fundación de Axuda á Drogadicción FAD e a Fundación BBVA e a súa participación e difusión a través de Congresos e Foros de Educación e Cinema.

E por último seguimos co noso labor de formación ao profesorado a través da Consellería de Educación onde difundimos a importancia da alfabetización audiovisual e mediática nos deseños curriculares e animamos ao profesorado a desenvolver nos seus centros educativos estes plans replicando o noso proxecto a través dunha formación en contidos e metodoloxías.

Formación a profesorado 02

Cumprimos 10 anos e antes de que finalice o curso celebrarémolo entre todos como se merece, con máis cultura, cinema e música creada polo noso alumnado.