GAÑAMOS O 3º PREMIO NA SECCIÓN OUFF ESCOLA DO FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE OURENSE

Alumnos e alumnas do IES de Cacheiras obtiveron o 3º premio no Festival Internacional de Cine de Ourense na sección Ouff Escola que naceu co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade; fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo.

A obra premiada titúlase Pequenas Obsesións. É unha curtametraxe de dez minutos formada por sete pequenas pezas feitas en grupos por 50 alumnos e alumnas das materias Linguaxe audiovisual e medios dixitais na ESO e Tecnoloxías da Información e da Comunicación no Bacharelato durante o curso 2008-09.
Todas forman no conxunto unha obra única e teñen unha temática común: temores e obsesións que nos soños afloran e removen o noso inconsciente.

O pasado 13 de Outubro trasladámonos a Ourense con 50 alumnos e alumnas para recoller o premio, nun acto organizado a tal efecto, donde se proxectaron as obras premiadas.

Noraboa a todo o alumnado que participou na creación das obras e tamén aos intérpretes das mesmas, alumnos, alumnas e profesores.

AUDIOVISUAL NAS AULAS

Este programa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia está dirixido a centros escolares para a divulgación dos medios audiovisuais e as tecnoloxías da información e a comunicación.

Participan 20 centros de secundaria de toda Galicia tras unha selección previa en relación aos méritos presentados por éstes relativos aos contidos do programa.

Este curso participamos en Iniciación á televisión con dúas sesións de 5 horas cada unha. Na primeira de elas e despois dunha introdución teórica ao concepto de televisión e a súa historia explicáronse os pasos para a creación dun programa de TV.
A práctica consistía na gravación en directo dun programa que eles elixiron.

Participaron 70 alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO que cursaban a optativa Linguaxe audiovisual e medios dixitais.

Todos eles fixeron diferentes funcións para a gravación dun concurso de televisión, formato elexido por eles mesmos. Así, entre éstas, estaban as técnicas (produción, realización, cámaras, son, rexidor, decorados…), presentadora, concursantes e o público.
Tras os preparativos do programa e un primeiro ensaio exitoso fíxose a gravación en directo do programa.

A experiencia foi moi intensa e enriquecedora grazas á moi boa organización e o gran traballo do alumnado e dos monitores.

ATURUXO FILMS na TVG

Co motivo do premio que gañamos na conmemoración do Ano Internacional da Astronomía a TVG fíxonos unha reportaxe para o programa A Revista fin de semana. Tamén tivo moita repercusión na prensa galega grazas ao Concello de Teo e concretamente ós seus departamentos de comunicación e cultura. Moitas grazas.

A REVISTA FIN DE SEMANA. TVG

GAÑADORES SPOT ANO INTERNACIONAL ASTRONOMÍA 2009

A asociación Nuestros Cielos, a través da web http://www.nuestroscielos.es convocou un concurso de spots publicitarios co motivo da celebración do Ano Internacional da Astronomía e co obxectivo de impulsar a divulgación da astronomía neste ano 2009 no que se celebra o 400º aniversario da observación do ceo cun telescopio por parte de Galileo. Este concurso conta co patrocinio de Eurocosmos, S.L. e está subvencionado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e o Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

Dirixido tanto a profesorado como alumnado, decidimos participar xa que estábamos a traballar a linguaxe audiovisual na aula e podía ser un exercicio interesante de creación por encargo. Tiñamos dúas semanas para desenvolver unha idea, o guión e rodar, sonorizar e editar o spot.
Adaptándonos ao tempo dispoñible propuxen unha idea e un guión a partires do que o grupo traballou na elaboración das imaxes reais.

A idea pretende captar a primeira emoción da observación do ceo estrelado e por iso centrámonos nas miradas limpas que observan o espectáculo nocturno. O ser humano fronte a grandiosidade e a beleza da natureza. E internándonos neste espectáculo desde a observación da lúa, como fixo Galileo, atopamos en fulgores os principais obxectivos que pretende acadar a conmemoración do Ano Internacional da Astronomía.

Teño que agradecer publicamente a xenerosidade de todo o profesorado e alumnado que participou como actor e actriz na elaboración deste spot, e no só ós que aparecen finalmente na pantalla senón tamén a aqueles que por motivos creativos non están na montaxe final. Grazas a todos.

CREATIVIDADE E LINGUAXE AUDIOVISUAL

Benvidos a este novo BLOG que nace co obxectivo de dar a coñecer o traballo que se está a facer no campo da creación audiovisual no IES de Cacheiras. Co nome de Aturuxo Films inaugurouse unha productora donde agrúpanse as diversas experiencias didácticas que se desenvolven en materias como Linguaxe audiovisual e medios dixitais, Cultura audiovisual ou TIC, tanto na ESO como bacharelato. Preténdese desenvolver a capacidade creativa do alumnado a través da narración audiovisual e formar espectadores críticos.
No proceso de creación profundízase nas claves da narración cinematográfica e na utilización dos medios dixitais tendo como constante o traballo en grupo, a colaboración e a comunicación para acadar un obxectivo común: a obra audiovisual.

Espero que este blog sexa de utilidade para tódala comunidade educativa como un novo canle de comunicación.