TALENTO E SENSIBILIDADE

Sofía Otero, alumna do IES de Cacheiras, recolleu o sábado 11 de maio pola mañá en Madrid o 3º Premio Nacional do Festival Clipmetrajes na categoría de Secundaria despois de gañar anteriormente o 1º Premio Autonómico cunha obra que reflexiona sobre a relación de parella nunha situación de violencia de xénero. Pola tarde Isabella Foylan, tamén alumna do centro educativo, recollía na Almunia (Zaragoza) o 1º Premio Nacional do Certame FESCILA cunha obra que reflexiona con gran profundidade sobre a ausencia. Para completar esta fin de semana exitosa o documental Espazos Abertos gañaba o venres o Premio ao Mellor Documental nos Premios OLLOBOI celebrados en Boiro, unha obra que reflexiona sobre a integración social das persoas que sofren enfermidades mentais e creado polo tamén alumnado do IES Xana Rodríguez, Rubén Pérez, Irene Rodríguez e Antía Rosende. Estas obras e outras moitas realizadas polo alumnado foron producidas dentro do noso proxecto pedagóxico de alfabetización cinematográfica ATURUXO FILMS que se desenvolve desde hai 12 anos co obxectivo de fomentar unha mirada atenta e reflexiva que facilite o pensamento crítico e os valores sociais e democráticos entre os adolescentes. Un proxecto de referencia a nivel nacional neste ámbito e que entre outros recoñecementos recibiu en 2014 o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación e que en breves datas vai recibir o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Xunta de Galicia. As obras creadas ao longo destes anos recibiron máis de 40 Premios a nivel nacional e internacional e así neste curso lograron recoñecementos no Festival de cinema de Zaragoza, 1º Premio Amateur na Mostra Curtas na Vila de Noia, 1º Premio Europeo en Camera Zizanio de Grecia, dous premios do Festival O día máis curto, Festival Cinema e Saúde de Zaragoza, Premio ao Mellor Documental CINE BASE da Escola Superior de Cinema e Audiovisuais de Barcelona, o Premio á mellor curtametraxe no Festival Cachinus de Cinema de Estremadura e da Mostra Cineminuto de Arxentina. Logrados con 7 obras diferentes e cunha característica moi especial que é a composición por parte do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela das súas bandas sonoras nun proxecto conxunto de creación de cinema e música denominado Imaxinando Músicas e que está a permitir desenvolver e descubrir o talento do alumnado de ambos os centros públicos de ensino.

FB_IMG_1557755746254

One thought on “TALENTO E SENSIBILIDADE

Os comentarios están pechados.