1º PREMIO PROXECTA

O venres 24 de maio recibimos o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional polo noso proxecto Aturuxo Films – Imaxinando Músicas. Un recoñecemento a un proxecto consolidado e referente no ámbito da alfabetización cinematográfica e ao gran traballo realizado por profesorado e alumnado do IES de Cacheiras e do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela.

No acto tivemos a oportunidade de dirixirnos ás autoridades e público asistente para destacar a importancia dunha educación inclusiva, igualitaria e innovadora que sitúe ao alumnado no centro do proceso de ensino-aprendizaxe. O acto finalizou coa proxección da nosa curtametraxe O meu mellor inimigo de Ana Veiga e Marcela Taracido e con música de Inés Mirás. Esta foi interpretada en directo durante a proxección por Sandra Galera con notable éxito.