PREMIO NACIONAL BOAS PRÁCTICAS EDUCATIVAS

O proxecto pedagóxico Aturuxo Films – Imaxinando Músicas do IES de Cacheiras recibe o recoñecemento do Ministerio de Educación e Formación Profesional co Premio Nacional de Buenas Prácticas en centros docentes educativos na categoría Desenvolvemento de Competencias de Lectoescritura, Audiovisuais e Alfabetizacións Múltiples.
Neste inicio de curso recibimos tamén varios premios coas curtametraxes creadas polo alumnado como no Festival FICBUEU á mellor curta de secundaria por O meu mellor inimigo ou no Festival Internacional FECEA de Brasil con tres premios ao Mellor Montaxe por O meu mellor inimigo e Mellor Actriz e Premio Marielle Franco pola súa temática contra os micromachismos pola curta Esta son eu.
 
Como sabedes Aturuxo Films desenvólvese desde hai 12 anos no IES de Cacheiras e ten como obxectivo principal fomentar o pensamento crítico a través da creatividade e desenvolver unha mirada reflexiva e sensible aos valores sociais e democráticos. E faio a través da aprendizaxe da linguaxe cinematográfica que articula moitos das mensaxes e informacións que nos chegan, non só a través do cinema ou da televisión, senón fundamentalmente das redes sociais e Internet. Descoñecer como se constrúen esas mensaxes déixanos indefensos, especialmente en idades temperás, podendo condicionar a nosa personalidade e construír unha realidade enganosa. Por iso é importante o labor pedagóxico para desenvolver non só a expresión oral e escrita, senón tamén a audiovisual, como xa recolle a lexislación educativa.
Deste proxecto xurde Imaxinado Músicas que é un proxecto colaborativo co Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que xerou un espazo de creación de cinema e música para o alumnado de ambos os centros con dúas liñas de traballo, por unha banda, a creación de bandas sonoras para as obras creadas en Aturuxo Films e, por outro, a composición musical a partir das cales se inspira o alumnado do centro de secundaria para realizar unha creación visual.
 
Actualmente o proxecto Aturuxo Films / Imaxinando Músicas é un referente a nivel nacional neste campo con numerosos recoñecementos como o Premio de Alfabetización Audiovisual do Ministerio de Educación, o 1º Premio Proxecta de Innovación Educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia e os máis de 50 premios en Festivais de cinema nacionais e internacionais recibidos polas numerosas obras creadas polo alumnado como parte do proceso de aprendizaxe. Premio Mellor Curta Europea en Grecia, e varios premios en Rumanía, Argentina, Barcelona, Madrid, Donostia, Valencia, Plasencia, Fuente Obejuna, Zaragoza, La Almunia, Bueu, Noia, Ourense…ata 22 premios só no último curso con seis obras diferentes que reconocen o gran traballo e talento do alumnado que participa neste proxecto que desenvólvese curricularmente en diferentes materias do IES de Cacheiras e do CMUS de Santiago.